A Rapa das Bestas de Sabucedo - A ESTRADA

Entre todos os curros ou rapas das bestas que teñen lugar en Galicia durante o verán, o de Sabucedo destaca por conservar a pureza da tradición. Este é o único curro no que os aloitadores se enfrontan cos cabalos de igual a igual, sen cordas nin paus, para inmobilizalos e raparlles as crinas. Mozos e mozas da parroquia inícianse cada ano nunha tradición centenaria que levan no sangue, un xeito de entender a vida en comuñón cos cabalos. Un código de accións que aprenden desde nenos, baseado na acción e colaboración de tres aloitadores, é a forma en que establecen a nobre e perigosa loita coas bestas para conseguir vencelas.
A rapa de Sabucedo fíxose sempre nun recinto de pedra (o curro) no centro da aldea. Desde hai uns anos, desprazouse ao curro novo, feito de cachotaría, onde é seguida por un multitudinario público. A sona da rapa de Sabucedo, unha tradición ancestral, cun forte compoñente ritual, recibiu a atención de antropólogos e estudosos de todo o mundo. Celébrase baixo a protección de San Lourenzo –parte dos cabalos salvaxes pertencen ao santo, é dicir, á parroquia, e son estes os que se rapan na festa–, a quen se encomenda o pobo na misa do amencer do sábado. Veciños e visitantes saen despois ao monte, con provisións para repoñer forzas, a buscar os cabalos e conducilos cara ao curro, nunha singular experiencia turístico-etnográfica.

Destacado:
Saída ao monte cos veciños da parroquia, o sábado, para reunir os cabalos.