Conxunto histórico que son espacios urbanos ou agrupacións de bens declarados como tal.
Declarado o 2 de maio de 1985.
"Non poderiamos dicir que aquel monumento, único en Europa estivese n´Agolada, senón que era Agolada a que estaba na súa antiga feira. Dela nacera e dela vivía." Son palabras do profundo coñecedor da arte galega Filgueira Valverde. O ton de preteridade era a mágoa pola ameaza da súa destrución total a partir dos anos 70. Aínda que algo foi o perdido e contaminada a súa visión con edificios colindantes, aínda podemos gozar del.
Trátase dun espazo creado para o ritual do mercado: troco, compra e venda, parola, lea, encontro, enganos e ganancias, apretóns de man e faltriqueiras, polbo á feira. Deste ambiente moi vencellado á vida rural quédannos moitos campos da feira, e aquí n´Agolada todo o decorado mamposto de granito.
Cunha técnica de colocación das pedras de eficaz sinxeleza fórmanse alpendres e cabanotes de rápido e cómodo uso para o día de feira. Mestúranse pedrafitas, cachotes e grandes laxes horizontais para mostradores e bancos corridos; sen masa nin cravos nin grandes concesións aos luxos ornamentais.
O resultado son varias rúas estreitas de grato deambular. Un carballo axuda a centrar o recinto no que non é difícil imaxinar as voces de antano.