O Castro sitúase na parroquia de Torroso, preto do límite coa parroquia de Petelos. Atópase a unha altitude sobre o nivel da mar de 135 metros, na marxe dereita no alto do val do río Louro, afluente do Miño. Ocupa un lugar privilexiado na xeografía que a modo de anfiteatro se abre cara ao sur (á zona meridional da depresión Meridiana) e protexido polo leste polos Montes do Galleiro e polo oeste pola Serra do Galiñeiro. Atópase a tan só 8 km en liña recta da ría de Vigo. Preto do xacemento son abondosos os mananciais e cursos de auga.