Central Agropecuaria de Galicia - SILLEDA

A Central Agropecuaria de Galicia, situada no recinto Feira Internacional de Galicia e xestionada pola Fundación Semana Verde, está conformada polas Mesas de Prezos e a Poxa de Gando Bovino, a única informatizada de España.

A Poxa da Central conta cun modelo de comercialización baseado no sistema de poxa pública que exclúe ao intermediario, o que garante a transparencia nas transaccións entre compradores e vendedores, evitando así o regateo e permitindo que ambas partes establezan as súas condicións económicas para que as transaccións se leven a cabo.

Este mercado de gando da Lonxa Agropecuaria de Galicia (nome orixinal da Central) xurdiu a mediados de 1981 para dar saída aos produtos agropecuarios, xa que era necesario estreitar os encontros entre oferta e demanda e, sobre todo, substituír os modos tradicionais de compra-venda por sistemas máis acordes cos novos rumbos do mercado. Así, decídese habilitar un edificio co fin de que vendedores e compradores puidesen realizar os seus tratos, aínda que será en 1994 cando inaugure o seu equipo de xestión informática.

Dende ese momento, co sistema implantado, cada comprador valora o animal que desexa adquirir e presenta a súa oferta, á que só terán acceso os traballadores da Central Agropecuaria de Galicia. Unha vez que se coñecen as ofertas por parte do persoal do mercado, informatízanse e dase a coñecer o prezo máis alto de cada animal a través dunha pantalla, permitindo ao vendedor decidir se acepta ou non o prezo. Un proceso con claras vantaxes tanto para o comprador como para o vendedor.
En canto ás Mesas de Prezos, a Central Agropecuaria acolle semanalmente as de porcino cebado, leitóns, ovos e galiñas de desvelle (todos os martes) e de conexo (todos os venres).

Estas Mesas de Prezos, sen presenza física de animais e que reúnen a produtores e industria de cada sector, constitúense como un foro de interlocución entre a oferta e a demanda dos produtos gandeiros para o establecemento de prezos de referencia que son empregados polos operadores para as súas transaccións semanais. Para iso, cada sector representado nas distintas mesas dispón dun Regulamento Específico de Funcionamento que permite, en caso de fortes discrepancias, o establecemento dun único prezo de referencia.


Fuente: turismosilleda.es