O salmón ponse en valor na Estrada desde 1974 a terceira fin de semana do mes de maio. O domingo é o día grande desta festa, xa que nesta xornada se celebra a degustación popular que permite a veciños e visitantes gozar das propostas culinarias deseñadas polos hostaleiros locais a prezos accesibles. Asociacións, panadarías e restaurantes presentan todos os anos innovadoras delicias elaboradas co salmón como principal ingrediente.
Alén disto, durante a semana previa lévanse a cabo diversas actividades de exaltación do salmón, como o Concurso Internacional de Pesca ou o Concurso de Tapas, no que participan de xeito activo os restaurantes do municipio. Máis dunha vintena de establecementos elaboran manxares co salmón, que son valorados polo público asistente e por un xurado de expertos.
A Festa do Salmón tamén conta cada ano cun pregoeiro de excepción que exalta as calidades do produto máis valorado nos tres cotos salmoneiros do Ulla. A entrega dos premios Salmóns de Ouro, que outorga o Centro de Iniciativas Turísticas, e dos Premios do Concurso Internacional de Pesca, son outros actos relevantes da festa, que conta cun programa de actividades no que non faltan concertos de bandas musicais, actuacións de grupos folclóricos, representacións teatrais ou exposicións.
As múltiples formas de preparación do salmón (en empanada, mariñado, pizza, guisado…) fan as delicias de todos aqueles que gozan do seu sabor único. A festa, non só é o evento gastronómico máis importante da Estrada senón que é un importante foco de dinamización turística.
A Festa do Salmón, que figura entre as destacadas actividades gastronómicas de Galicia, xunta a tradición e a historia que tanto a gastronomía como a pesca de salmón teñen nestas terras .
A histórica abundancia de salmóns nas augas do Ulla foi tamén durante anos clave para facer deste peixe unha materia prima de grande importancia na cociña local, un produto co que os restauradores innovan e seducen cada ano aos amantes deste prato.
Destacado: As propostas culinarias con salmón.