Fraga de Catasós - Red Natura 2000 - LALIN

Navegar polo bosque
Dereitiños coma mastros de veleiros no centro de Galicia, plantáronse boa parte destes exemplares que agora forman esta fraga tamén chamada Carballeira de Quiroga. As longas trabes que facían falta na construción dos pazos e casas grandes do campo galego necesitaban árbores esveltas. Só se lles podaban as pólas, pero nunca se descabezaban polo que medraban cara ao ceo sen engordaren demasiado pola base.
Carballos e principalmente castiñeiros acadan os 30 metros de altura e cinco de perímetro. Polo seu porte lanzal, están considerados os mellores exemplares de castiñeiros centenarios de Europa. Foron plantados a comezos do século XIX na propiedade do pazo da familia Quiroga, emparentados con dona Emilia Pardo Bazán que pasou tempadas nesta casa e mesmo se afirma que escribiu aquí varios capítulos da novela Los Pazos de Ulloa.
O paseo pola fraga é curto e doado, pero a espesura dos camiños depara sempre amenas sorpresas. Por exemplo, os troncos caídos coa forza dos vendavais dos que algunha torada se aproveitou para contar anel a anel a súa historia aos visitantes.
Xa a mediados do século pasado a FAO, Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, reclamara a protección desta fraga. Na actualidade é un dosMonumentos Naturais galegos para o século XXI e forma parte do catálogo de Árbores Senlleiras da comunidade. 


Fuente: turgallicia.es