GR 58 Sendeiro das Greas - AREA INTERMUNICIPAL DE VIGO

Interese xeral / paisaxístico
O máis longo dos sendeiros de Gran Percorrido en Galicia discorre por todos os municipios da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Son moi numerosos os atractivos ambientais, atravesando paraxes de gran beleza onde non faltan bos exemplos de arquitectura popular como os muíños da Devesa, carballeira de Barragán, fraga e ribeiras de Couñago, foxo de lobos (antiga trampa para cazar estes animais), bosque das ribeiras do río Borbén, o río Zamáns e os muíños das Maquías, marismas do Miñor, a costa acantilada de Baiona, a fraga de Oliveira.... Sen esquecerse de importantes construcións que axudan a interpretar a cultura destas terras, como o conxunto megalítico de Monte Penide e a mámoa do Rei, o castro de Chandebrito, o castelo de Soutomaior ou edificios de singular factura como os pazos de Pegullal, Aballe e Picoña, no municipio de Salceda de Caselas. 

Os miradoiros desta rota descobren os mellores recunchos do sur da provincia de Pontevedra. Seguindo o sentido das agullas do reloxo atopámonos coa enseada de San Simón, o canón do río Oitavén, o val do río Borbén, enseada de Baiona e a península de Monteferro coas illas Cíes como pano de fondo, pertencentes ao novo Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. 

As montañas manifestan a súa presenza nas serras do Suído, O Galiñeiro e A Groba como silenciosos vixilantes do camiño. 


Acceso: Por autoestrada ata o aeroporto de Vigo ou numerosos accesos ó longo do percorrido.

Camiños de Santiago: Camiño Portugués pola Costa | Camiño Portugués


Fonte: Turismo.gal

Características de Rutas á natureza

  • Zonas habitadas Si
  • Nivel de dificultade Medio