Petroglifo Pedra da Boullosa - CAMPO LAMEIRO

Os gravados están nunha rocha de dez metros de longo por case nove de ancho que constitúe, pola profusión dos motivos decorados, un dos mellores conxuntos de arte prehistórica galega. Nela conviven motivos prehistóricos con outros de máis recente realización nos que predominan as cruces (posiblemente fitos delimitadores de territorio que á súa vez cristianizan o lugar) e outros deseños cruciformes. En canto aos motivos prehistóricos (do III-II milenio a. de C.) están representados case a totalidade das figuras características desta arte: cérvidos, antropomorfos, combinacións circulares e unha serpe, xunto a cazoletas e outros deseños. A rocha está dividida en tres zonas de diferente altura. Na parte esquerda destacan, entre abundantes cruces, a figura dun cervo realizada en épocas recentes. A parte central posúe moitos gravados destacando un cervo macho de gran cornamenta. Cara á parte esquerda atopamos unha escena que se pode interpretar como de pastoreo ou de caza. Na parte dereita destaca unha serpe, que constitúe un exemplo único no arte rupestre galego, de máis de 4 m de longo e entre 10 e 25 cm de ancho, con trazos que representan as escamas.


Fuente: turismo.gal