Deseñado arredor de conca do río Barragán, o seu trazado discorre a diferentes alturas pero mantén o río como eixo central.
O curso do río Barragán, antes de desembocar no encoro de Eiras, caracterízase pola presencia, na zona máis profunda da conca, dunha mata de fraga autóctona con currunchos de gran beleza natural. Ademais, a abundancia de patrimonio etnográfico como muíños, pontes ou levadas (canles que conducían a auga ata os muíños), e históricos como os restos do asentamento coñecido como A Cidade, apórtanlle un interese turístico que farán deste sendeiro unha experiencia inesquecible.
O trazado do sendeiro é circular con diferentes accesos dende as estradas próximas que permite comezalo en diferentes puntos. Empezando no lugar denominado O Torreiro (parroquia de San Salvador de Xunqueiras) descenderemos cara ao río por camiños forestais e polas levadas rehabilitadas. Cruzaremos o río para chegar a Freaza e comezar un tramo montañoso onde poderemos atopar reses bravas que pastan en liberdade. A senda regresa á conca do río que teremos que cruzar, con prudencial, polos pasos de Freaza para internarnos no sensacional tramo que dá nome ao sendeiro: a Fraga do río Barragán.
Un paseo sen igual que ten como colofón os restos do asentamento da Cidade. Despois subiremos ata As Lombas e pecharemos o círculo regresando ao Torreiro no Cabo da Raña.