PR-G165 Sendeiro das Fragas e Levadas do Calvo e Deva - A CAÑIZA

Sendeiro circular de incrible factura que nos levará por lugares de extraordinario valor natural que, como no caso da Fraga do río Calvo, foi catalogado como Espazo Natural de Interese Local.

Realizando o percorrido en sentido horario iremos cara ao río Deva e descenderemos a montaña por unha senda pedregosa cuberta por unha fenomenal fraga. O desnivel que se forma foi aproveitado antigamente para construír muíños ata os que era desviada a auga por canles denominadas levadas.

Abandonaremos o río Deva para ascender cara á conca do río Calvo. Pasaremos por O Cruceiro e O Feirón, onde veremos a mestría dos antigos canteiros no Pazo do Conde de Cervellón e outros traballos en pedra.

Dentro da agreste conca do río Calvo iremos ascendendo o seu curso, as particulares condicións deste lugar, sombrío e húmido, provoca a proliferación de musgos e liques que nos envolven en decenas de tonalidades de verde. O pedregoso camiño ten nalgúns puntos certa dificultade polo que debemos extremar a precaución especialmente co chan mollado.

Aconsellamos realizar a derivación ata O Coto da Vella seguindo o Camiño da Raíña, unha vía de comunicación moi antiga pola que pasaron durante séculos carruaxes de comerciantes e arrieiros transportando mercancías entre a costa e o interior, incluso foi utilizado pola Raíña Dona Urraca na súa viaxe á Franqueira. Ao final deste camiño outra derivación achegaranos ata a ermida da Pena de Francia (“francia”: o seu significado refírese a un lugar con denso arboredo), onde poderemos descansar antes de afrontar o último treito por un sobreiral único no que veremos exemplares centenarios.


Fuente: turismo.gal