Interese paisaxístico
Realizar esta rota de sur a norte pola Serra do Faro permite gozar de amplas panorámicas en días despexados. O punto de partida ao sur, márcao o sinal que separa as provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense na estrada PO-1302. A senda iníciase por unha pista e segue cara ao norte por unha devasa que percorre os cumios desta pequena serra compartida polas provincias de Pontevedra e Lugo.
Raque, O Marco, Penas Grandes, Pena Maior, Faro... cumes e lugares que acadan e, ás veces, superan os 1.100 m de altitude. É curta a distancia que separa o Monte Faro (1.181 m) da capela do mesmo nome, coñecida polas peregrinacións que teñen lugar o 8 de setembro, cando miles de devotos acoden a pregarlle pola súa saúde a Nosa Señora do Faro e celebran unha romaría na que non faltan o polbo e a carne ao caldeiro.
A situación deste cume no centro de Galicia, arrodeado por terras baixas e sucado por xigantes de pas brancas, agasalla ao visitante con fermosas vistas e permite realizar variados percorridos con bicicleta.
Fuente: tusmo.gal