Os montes da Paradanta albergan o Santuario da Virxe da Franqueira, documentado como mosteiro beneditino do século XI e ata aquí chegan centos de persoas de Galicia e o Norte de Portugal para honrar a esta Virxe, “alcaldesa” da Cañiza, a cuxa imaxe se lle deu culto xa no século VII. As dúas multitudinarias citas coa Virxe da Franqueira (o luns de Pentecoste e o día 8 de setembro) son manifestacións de devoción mariana que ocupan un lugar destacado entre as festas relixiosas de Galicia e que, pola súa antigüidade, orixinalidade, son de interese turístico.
A primeira romaría é coñecida como “As Pascuíllas” e caracterízase pola súa gran vistosidade, xa que ata o santuario chegan distintas procesións, procedentes das parroquias da Cañiza e de municipios lindeiros portando cadansúa talla (virxes e santos), adornadas con flores, e os seus correspondentes pendóns parroquiais e estandartes. Máis de medio centenar de imaxes protagonizan despois o acto de salutacións á Virxe da Franqueira no adro empedrado. Existe un protocolo polo que San Sebastián e a Virxe do Rosario son os primeiros, polo que se outro chega antes terá que esperar.
Tras os actos relixiosos, os postos de polbo, rosquillas, carne ao caldeiro, empanada, queixo, mel… énchense de público desexoso de adquirir os mellores produtos da terra e polos arredores do santuario os romeiros gozan da comida campestre. A partir das catro da tarde, as procesións volven tomar o camiño de volta para devolver as imaxes ás súas igrexas e capelas.
Para non perderse: Saúdos e reverencias das tallas de santos e virxes á Virxe da Franqueira.
A romaría de verán no santuario da Virxe da Franqueira, coincide coa natividade da Virxe e, igual que a das Pascuíllas en primavera, a súa sona traspasa as fronteiras de Galicia. Os arredores do santuario da Virxe da Franqueira énchense de devotos chegados desde todos os puntos da provincia de Pontevedra e de Portugal. O momento máis emotivo ten lugar tras a misa solemne das doce da mañá, cando a Virxe é levada en procesión montada nun carro tirado por unha parella de bois cos ollos tapados (conta a lenda que deste xeito guiou aos paisanos cara ao enclave onde tiñan que construír o seu santuario). Durante o seu percorrido, párase a contemplar as antiquísimas danzas de Santa María da Franqueira e a representación da loita entre o príncipe mouro e un devoto cristián, en recordo dun dos milagres máis coñecidos que se lle atribúen á Virxe da Franqueira: a liberación dun cristián preso en Arxel. A festa relixiosa remata coa tradicional comida campestre nos arredores do santuario. Para non perderse: Procesión da Virxe montada nun carro tirado por bois engalanados.
Fuente: turismo.gal