Sobre o Pazo de Los Sarmiento (s. XV), os franciscanos comezaron no s. XVIII as obras de ampliación e adaptación deste. Primeiro rematouse a igrexa e logo remodelouse o Pazo para convertelo en Convento. O claustro, moi sinxelo e de reducidas dimensións. Foi concluído segundo observamos en inscricións, entre 1784 e 1785. Do edificio primitivo, aproveitáronse a pedra, algúns muros e a porta principal (do s. XVI). Artisticamente falando, destacaremos a igrexa conventual. Construída en 1777, presenta planta de cruz latina e tres naves. As cubertas da nave central e laterais son de bóveda de crucería e de bóveda de canón, respectivamente. Posúe un cruceiro de planta cadrada con cúpula esférica con lanternas sobre pechinas. por outro lado, destacar a cachotaría nos seus muros, exceptuando o cadeirado irregular da fachada. Os escudos incorporados aos muros do convento e portada da igrexa de San Diego de Canedo pertenceron ao antigo pazo que os Condes de Salvaterra tiñan nese lugar. Todos eles presentan as armas de Los Sarmiento Sotomayor, propios destes referidos condes.