Construción orixinaria da Idade Media - en torno ao século X - respondendo a un recinto amurallado coas súas dependencias conformando unha envexable atalaia sobre o río Miño. A súa historia áchase intimamente relacionada a unha serie de acontecementos que dan nome a algunha das súas estanzas máis características: A presenza de Dona Urraca na fortaleza dende a cal dirixía as súas operacións contra Teresa de Portugal - Pazo de Dona Urraca -; Tamén á activísima presenza no sur da provincia de Pedro Álvarez de Sotomayor, alcume Pedro Madruga, Conde de Camiña, quen atopou en Salvaterra o axeitado refuxio fronteirizo nas súas disputas co arcebispo Fonseca; Por último, a súa magnífica situación e recia fábrica xogaría un papel de primeira orde durante a sublevación de Portugal en 1640. O conxunto histórico de Salvaterra está situado no lado sur da praza ben chamada do Castelo. Repártese por uns 9700 metros cadrados de superficie no que se inclúen parte do recinto amurallado coas súas garitas, a Casa do Conde, o pazo de dona Urraca e a capela da Virxe da Oliva, inmediata aos muros do castelo.