Castro situado a 225 metros de altitude no monte do Doce nome de Xesús pertencente á parroquia de Pías. Foi escavado a principios do século XX. Retománronse as escavacións nos anos 1981-1992. Conta cun complexo sistema defensivo, formado por dúas murallas, foso e parapeto. As primeiras construcións documentadas están realizadas con materiais perecedoiros (aínda que logo se farían en pedra) e poderían ser datadas cara ao século V a.c.. Tamén se atoparon outras construcións para uso común como os alxibes. As fontes arqueolóxicas demostran a existencia de habitáculos para depósito de gran así como unha grande abundancia de muíños de man para moelo. Tamén quedaron documentados intercambios con outros poboados, xa que a actividade metalúrxica implica a disposición de materias primas procedentes doutros lugares moi afastados. Atopáronse restos de cerámicas de importación, obxectos de bronce e xoias, así como moedas acuñadas por cecas da Galia e doutras cidades do Imperio.