Interese paisaxístico
Este itinerario bordea os límites do municipio vigués pola súa vertente montañosa, ofrecendo vistas sorprendentes sobre a cidade e a súa ría.
É un percorrido deseñado para achegar a xente desta grande urbe ao medio natural que se estende a poucos metros das súas casas. Localizáronse unha serie de parques forestais en parroquias do Concello de Vigo que, provistos de todo o necesario para o esparexemento e o descanso, determinan o masivo éxito deste sendeiro durante a fin de semana.
Pero tamén hai lugar para a Historia: os petróglifos de Fragoselo, os dolmens da zona do Mercantil e os restos da antiga muralla defensiva do monte O Galiñeiro.
Arquitectura rural en Chandebrito e Fraga, o fermoso emprazamento do muíño das Maquías no río Zamáns, bosques autóctonos e todo este contorno natural lonxe do ruído da cidade, convérteno nun sendeiro moi atractivo e transitado.