Rota da Auga, Fonte e Lavadoiros de Parada - SILLEDA

Etnografía / Interese paisaxístico

O conxunto de fontes e lavadoiros, rehabilitados na súa totalidade, dálle sentido a esta ruta circular que convida ao sendeirista a recrearse nunha típica paisaxe da Galicia rural, onde non faltan grandes pradarías verdes, casas de labranza e pequenas explotacións gandeiras. Así mesmo, é un claro exemplo da transcendencia que tivo a auga na vida cotiá desta parroquia de Silleda, igual ca noutras zonas do noso territorio.

O panel de inicio desta ruta atópase na Fonte dos Buxos, onde podemos aproveitar para coller auga para o resto do camiño. É importante salientar que a auga é potable en todas as fontes deste percorrido, e que en case todas elas os veciños da zona deixan vasos e cuncas para que o camiñante poida beber con maior comodidade.
A ruta ascende por unha estrada cara ao Lavadoiro e Fonte do Barro, lugar de concentración dos rabaños de ovellas que noutros tempos subían a pastar nos montes máis próximos.

Dende aquí, o sendeiro lévanos a visitar outros lugares recuperados, como Fonte do Piollo e os Lavadoiros de Parada e de Outeiro.
Tras deixarmos Parada, e seguindo unha pista forestal, chegamos á Fonte do Rego do Foxo, onde outrora se deixaba o liño a amolecer utilizando os pozos existentes.

A Fonte de Redemuiños é a última parada antes de regresarmos ao punto de partida do camiño.


Acceso: Na AP-53, que une Santiago de Compostela con Ourense, coller a saída 46 en dirección a Silleda e na primeira rotonda dirixirse en dirección a Laroá pola estrada PO-534, ata se desviar na indicación de Parada de Cameixa.

Camiños de Santiago: Vía da Prata | Camiño de Inverno


Fonte: Turismo.gal