Asociar Caldas á auga non é difícil. Primeiro polos mananciais a máis de 35 ºC que lle dan nome e sona de vila termal. E segundo polo paso do río Umia. Un fermoso parque histórico (BIC) asombra a ribeira dereita por onde o río se cruza co paso dos peregrinos no camiño portugués de Santiago.
Todos os veráns esta zona convértese en praia fluvial e centro de lecer acuático. As árbores centenarias con exotismos que proveñen principalmente do continente americano e a carballeira autóctona forman este magnifico "parque de ribeira".
O acceso principal ao recinto efectúase por unha zona peonil, ao carón da biblioteca municipal e como unha especie de continuación, estrada nacional por medio, do paseo céntrico da vila dotado dun bo palmeiral e que se aliña coa igrexa de Santa María. O xardín recíbenos a ambos os lados da entrada con senllos bustos dos irmáns Mosquera, vinculados á fundación de institucións educativas. Outros elementos ornamentais son a fonte presidida polo busto de Laureano Salgado, promotor da produción de enerxía hidroeléctrica en Galicia. E sobre todo, a fonte do peregrino, elemento central do parque rodeado dunha exuberante vexetación.
A masa árborea inclúe exemplares importados de gran porte como o cedro do Líbano, araucaria do Brasil, tulipeiro de Virxinia, magnolia de flor grande, guaiabo de Catley, árbore do estoraque. E especies propias elevadas á categoría de ornamentais como loureiros, nogueiras, abeleiras, espiño albar... Neste sentido o parque de Caldas revela o seu valor didáctico na mellor tradición dos xardíns botánicos.
Ademais dunha zona acoutada de recreo infantil, a beira do río neste treito atópase protexida cunha balconada. É un fermoso miradoiro das augas que en inverno seguen acadando abundantes caudais.
DECLARACIÓN: Ben de Interese Cultural (BIC), Sitio Histórico, 1962.
SERVIZOS: Fonte. Xogos infantís, praia fluvial. Rótulos botánicos. Aparcadoiro.
Fuente: turismo.gal